Friday 17 de May de 2024

O Concello de Oroso ten unha presión fiscal un 41% máis baixa ca media nacional e un 21% menor ca media de Galicia


Antonio Leira lamenta que “o Partido Popular de Oroso conte na prensa o que non se atreve a dicir no Pleno, porque só din mentiras e improperios”

O Concello de Oroso ten unha das presións fiscais máis baixas de toda España: 304,5 euros por habitante, fronte á media nacional (516,32 euros) e galega (386,13 euros), segundo os datos da Conta Xeral de 2014. Isto supón que os veciños e veciñas de Oroso gozan dunha presión fiscal un 41% máis baixa que o resto de veciños de España e dun 21% menor con respecto á media de Galicia.

“Estes son os datos, por moito que lle doan ao señor Doval e ao PP de Oroso, que teñen o malo costume de dicir na prensa o que non se atreven a dicir nos Plenos, porque son conscientes de que só din mentiras e improperios que se desmontan sós”, lamenta Antonio Leira, concelleiro de Seguridade Cidadá e voceiro do Grupo de Goberno no pleno orosán. “Dicir que o orzamento medra sangrando aos veciños demostra que o señor Doval ou non entendeu as contas ou volve intentar confundir aos cidadáns”, continúa Leira Piñeiro quen se pregunta “se iso fose certo, por que non o denunciou no pleno? Porque a única proposta que fixo durante o Pleno foi que deixaramos de facer obras para os veciños e lles deramos eses cartos aos bancos”.

O concelleiro amósase convencido de que o voceiro do PP “nin sequera se molestou en estudialos porque, se o fixera, vería que gran parte dos recursos son froito das xestións feitas por este Goberno diante doutras administracións e da boa xestión que facemos no Concello”. Así, as transferencias de capital doutras Administracións medrarán en 2016 un 46,89%, dos 960.822 euros contemplados en 2015 aos 1.411.365 euros incluidos nos orzamentos para 2016. “Eu pediríalle ao señor Doval que se aclare, porque non é normal dicir no Pleno que lle parecen un orzamentos equilibrados e logo lanzar esas acusacións. Está claro que unha desas declaracións non é máis que para a galería”, conclúe Antonio Leira.

Non suba de impostos

O concelleiro asegura que “os veciños e veciñas de Oroso saben ben que non subimos os impostos nos últimos catro anos e que tampouco os imos subir nesta lexislatura, pois foi o noso compromiso con eles durante a campaña electoral”. De feito, os orzamentos municipais de 2016 recollen un descenso de 17.350 euros nas previsións de ingresos en concepto de taxas e outros ingresos: 669.900 euros en 2016 fronte aos 687.250 euros de 2015.

Antonio Leira critica “a oposición irresponsable e incoherente do señor Doval, que dende que é concelleiro non fai máis que demostrar que non lle importan os veciños e só lle interesa saír nos medios contando mentiras, como fixo coa paralización da AP-9 ou cos asfaltados no polígono”. Un claro exemplo é que o PP non apoiou en decembro a bonificación do 50% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana, que saíu adiante grazas ao voto favorable de PSOE e BNG.

Finalmente, Leira Piñeiro considera que “o que máis lle molesta ao señor Doval e ao Partido Popular é que o Concello de Oroso funcione ben, sexa económicamente sostible e saiba administrar ben os seus recursos para facer moitas cousas”. Neste sentido, lembra o acontecido durante o debate plenario da Conta Xeral de 2014, na que o PP criticou o grado de autonomía fiscal do Concello e se escudou no Informe de Intervención para pedir unha suba das taxas e do prezo das actividades á veciñanza. “En outubro, o PP pedía que lles subiramos as taxas e o prezo das actividades aos veciños baixo a bandeira da autonomía fiscal. Non o fixemos e agora nos acusan de sangrar aos veciños con impostos. Esa é a oposición irresponsable do señor Doval”, conclúe Antonio Leira.

Asociacións de veciños

Sobre as queixas do PP sobre a escasa cuantía destinada a emerxencia social e ás asociacións de veciños, Leira Piñeiro remítese á resposta que lle ofreceu ao voceiro do PP durante o pleno de orzamentos. “As partidas ás asociacións d eveciños se manteñen con respecto aos exercicios anteriores. Ademais, seguimos comprometidos con levar as actividades ás parroquias, sempre que así o demanden as asociacións, e seguimos mellorando os locais socias das parroquias. Incluso nestes orzamentos contémplanse 120.000 euros para a construción do centro cívico de Oroso”, explicou Leira Piñeiro, quen concluíu lembrando ás imporantes achegas que o Concello de Oroso fai á Mancomunidade de Ordes en materia de servizos sociais e dicindo que “no caso de emerxencia social, falamos dunha cantidade inicial e dende o Concello estamos atentos por se fose necesario incrementala”.